Saturday 04 de May de 2024

A Xunta duplica o investimento ata os 800.000 euros para o proxecto de mellora enerxética no CPI do Feal de Narón


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo un encontro de traballo co equipo directivo do centro e coa ANPA e confirmou que a Xunta acometerá unhas obras de reforma integral que duplicarán a inversión prevista inicialmente
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou nunha reunión de traballo co equipo directivo e ANPA do Centro Público Integrado (CPI) do Feal, en Narón, un dos inmobles da provincia da Coruña que se está vendo beneficiado en 2018 polo Plan de Rehabilitación Integral de edificios educativos que anunciou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Concretamente, o delegado territorial da Xunta confirmou que este edificio recibirá unha partida total de preto de 800.000 euros, o dobre do que estaba previsto inicialmente, para levar a cabo unha rehabilitación integral enerxética. Con este investimento levarase a cabo unha reforma integral que permitirá un importante aforro posterior no mantemento do inmoble e mellorará a súa habitabilidade e comodidade para a comunidade educativa. As obras comezarán en dúas ou tres semanas e está previsto que rematen en setembro antes do inicio das clases.

A obra está cofinanciada pola Xunta e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Na súa visita, Rodeiro estivo acompañado polo director do centro, Víctor Novo Carballeira e polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana, e representantes do claustro e do Concello e da ANPA. Na actualidade, o CPI do Feal acolle a un total de 660 alumnos, repartidos entre 94 de educación infantil, 365 en primaria e 201 en secundaria.

As obras consisten na rehabilitación, construtiva e enerxética dun dos bloques que compoñen o centro; e teñen como obxectivo a mellora do comportamento térmico do centro, con resultados tales como a redución da súa demanda enerxética e o incremento do confort térmico nas súas distintas estancias.

Grazas ao incremento do orzamento inicial poderanse acometer as seguintes actuacións: aplicación dun sistema de illamento termico polo exterior (SATE); sustitución das actuais carpinterías exteriores por aluminio de primeira calidade, con rotura de ponte térmico e acristalamento dobre con cámara de aire e tratamento de baixa emisividade.

Substituiranse tamén as actuais persianas por unhas novas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para a mellora do seu illamento térmico.

Tapiaranse parte dos ocos de ventas nos corredores de distribución das aulas (ás da fachadas noroeste do corredor), favorecendo así un maior aproveitamento do espazo interior, una iluminación máis uniforme e un mellor comportamento enerxético da edificación.

Tamén está prevista a sustitución das actuais luminarias de aulas, por outras de maior eficiencia enerxética. Instalaranse ademais un maior número de luminarias para acadar uns niveis óptimos de iluminación nas zonas de traballo e lectura. Ademais, pintaranse paramentos verticais, horizontais interiores e exteriores e definirase a identidade do centro baseada no estudio desenrolado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Aposta polo medio ambiente
Co investimento en actuacións de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro enerxético e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente.